ESTUDO E ANÁLISE DA XESTIÓN DE RISCOS ERGONÓMICOS E PSICOSOCIAIS NO SECTOR DA 1ª TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA E OUTROS RISCOS LABORAIS NAS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS


LOGOTIPO CLIENTE

Autorízase a reprodución total ou parcial dos contidos desta publicación citando título e fonte.

Título: Estudo e análise da xestión de riscos ergonómicos e psicosociais no sector da 1ª Transformación da Madeira e outros riscos laborais nas persoas traballadoras de máis de 55 anos

Promove:  Asociación Provincial de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo (LUGOMADERA)

Elabora: IDEARA INVESTIGACIÓN

Co financiamento de: Xunta de Galicia

© Vigo. 2020.


ÍNDICE . 4

1.     PRESENTACIÓN.. 6

2.     OBXECTIVO E ALCANCE DO ESTUDO.. 8

2.1.    OBXECTIVO.. 8

2.2.    ALCANCE. 8

3.     METODOLOXÍA DE TRABALLO EMPREGADA.. 10

3.1.    CONSULTA DE FONTES DOCUMENTAIS. 10

3.2.    ENTREVISTAS EN PROFUNDIDADE. 10

3.3.    MÉTODO DELPHI 11

4.     AS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS NO SECTOR DA 1ª TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA  13

4.1.    POBOACIÓN TRABALLADORA DE MÁIS DE 55 ANOS. 13

4.2.    REPERCUSIÓN DO ENVELLECEMENTO DA POBOACIÓN TRABALLADORA NA CONTORNA LABORAL: VANTAXES E LIMITACIÓNS. 18

5.     RISCOS LABORAIS AOS QUE ESTÁN EXPOSTAS AS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS DO SECTOR.. 25

5.1.    SINISTRALIDADE LABORAL NESTE COLECTIVO.. 25

5.2.    RISCOS ERGONÓMICOS, PSICOSOCIAIS E OUTROS RISCOS LABORAIS QUE AFECTAN A ESTAS PERSOAS TRABALLADORAS. 26

5.3.    DANOS SOBRE A SAÚDE DAS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS. 36

6.     XESTIÓN DOS RISCOS LABORAIS NO SECTOR TENDO EN CONTA O FACTOR IDADE. 41

6.1.    AVALIACIÓN DA INCLUSIÓN DO FACTOR IDADE NA XESTIÓN DA PREVENCIÓN.. 41

6.2.    RECOMENDACIÓNS PARA INTEGRAR O FACTOR IDADE NA XESTIÓN DA PREVENCIÓN.. 45

6.3.    BOAS PRÁCTICAS. 51

7.     CONCLUSIÓNS. 55

8.     BIBLIOGRAFÍA.. 58



1.    PRESENTACIÓN

España, e sobre todo Galicia, conta cunha poboación cada vez máis envellecida que amosa un crecemento paulatino ao longo dos anos, tendencia que se ve reflectida no entorno laboral. Este fenómeno vese agudizado polo efecto da xeración do “babyboom” (persoas nacidas entre 1957 e 1977), que se irán aproximando aos postos máis altos da pirámide poboacional. A isto hai que sumarlle tamén o retraso na idade de xubilación que se ven implantando gradualmente desde 2013.

Dado que as persoas traballadoras son cada vez máis maiores e traballan durante un período máis prolongado, a xestión da seguridade e saúde no traballo para unha man de obra de idade cada vez máis avanzada convértese nunha prioridade que fai necesario unha nova orientación na xestión da prevención de riscos laborais no ámbito laboral.

Esta evolución repercute tamén no sector da 1ª Transformación da madeira, onde as persoas traballadoras soen estar expostas a riscos laborais moi diversos, algúns deles potencialmente graves que poden dar lugar a accidentes de traballo de carácter grave ou enfermidades profesionais. Trátase dun sector no que o traballo físico segue sendo o protagonista, ademais empregase habitualmente maquinaria de alto risco. A elo engádese agora o factor idade, dado que os traballadores/as de máis de 55 anos soen ter unha maior exposición aos riscos ergonómicos e psicosociais debido a unha paulatina redución das súas capacidades e facultades físicas, cognitivas e/ou sensoriais e/ou estado de saúde. Ademais, o exceso de confianza motivado polos moitos anos de experiencia, a perda de autoestima ou determinadas condicións laborais poden resultar máis agresivas para este grupo de idade (esforzos físicos, quendas de traballo…), etc. e isto hai que telo en conta na xestión destes e outros riscos.

A prevención de riscos laborais neste sector debe ser moi exixente e convértese na mellor ferramenta ante os danos de alta gravidade que se poden chegar a ocasionar, sendo por tanto preciso gardar as precaucións necesarias. Para elo, en primeiro lugar, a persoa traballadora debe coñecer a que riscos se enfronta para poder previlos.

O motivo que leva á Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo a realizar este estudo é a mellora das condicións de traballo do colectivo senior (persoal traballador maior de 55 anos) nas empresas do sector. Para elo pártese dunha análise dos riscos ergonómicos e psicosociais e outros riscos laborais. Profundando no coñecemento destes riscos poderanse implementar medidas que os minimicen ou eliminen, así como levar a cabo un plan de prevención máis eficiente e efectivo.

 



2.    OBXECTIVO E ALCANCE DO ESTUDO

2.1.       OBXECTIVO

O obxectivo xeral deste estudo é o seguinte:

 Analizar e valorar a incidencia dos riscos ergonómicos, psicosociais e outros riscos nas persoas traballadores de máis de 55 anos no sector da 1ª Transformación da madeira en Galicia e avaliar a inclusión do factor idade na xestión destes riscos nas empresas do sector e propoñer unha serie de recomendacións e propostas de mellora para a súa correcta xestión.


2.2.       ALCANCE

Esta publicación está dirixida a:







3.    METODOLOXÍA DE TRABALLO EMPREGADA

Para acadar os obxectivos do estudo definiuse unha metodoloxía de investigación baseada na combinación de distintas fontes de recompilación de datos, tanto primarias (entrevistas en profundidade con expertos/as do sector e método Delphi), como secundarias (consulta de fontes documentais).





3.1.       CONSULTA DE FONTES DOCUMENTAIS

Mediante a consulta de fontes documentais recompilouse información sobre:

·         Postos de traballo con maior concentración de persoas maiores de 55 anos.

·         Identificación de factores de risco aos que están expostas as persoas traballadoras de máis de 55 anos.

·         Clasificación dos riscos.

·         Sinistralidade laboral no sector.

·         Recomendacións para a xestión dos riscos laborais neste colectivo de maior idade.

No capítulo de bibliografía recóllese unha relación das fontes documentais revisadas.


3.2.       ENTREVISTAS EN PROFUNDIDADE

Unha das principais técnicas de recollida de información foi a entrevista a un panel de persoas expertas relacionadas co sector e/ou a prevención de riscos laborais, seguindo para elo un guión deseñado previamente e composto por preguntas estruturadas e semiestruturadas.

O guión partiu dos seguintes bloques de preguntas:

·       BLOQUE I. Inclusión do factor idade na xestión da prevención de riscos laborais. Este bloque está composto por un total de catro preguntas que buscan profundar na inclusión do factor idade en materia de PRL, nos riscos específicos das persoas traballadoras maiores de 55 anos, a situación actual da inclusión ou non do factor idade na PRL e en especial nas empresas da 1ª Transformación da madeira en Galicia.

·       BLOQUE II. O envellecemento e a sinistrabilidade laboral no sector. Un total de dúas preguntas que buscan arroxar información sobre accidentes e patoloxías no sector da 1ª Transformación da madeira en función do factor idade e cales son os riscos propios das persoas traballadoras maiores de 55 anos, en especial ergonómicos e psicosociais.

·       BLOQUE III. Nivel de xestión da PRL nas empresas do sector tendo en conta o factor idade. Bloque composto por un total de tres preguntas centrado en aspectos a ter en conta na avaliación de riscos laborais, medidas preventivas nas que se integre o factor idade e, finalmente, pautas ou accións para incluír o factor idade na PRL.





3.3.       MÉTODO DELPHI

Este método cualitativo buscou recoller información, por de manifesto converxencias de opinións e deducir consensos sobre a materia de estudo entre as persoas participantes vía cuestionario DELPHI anónimo.

A selección de participantes foi deseñada co obxectivo de conseguir pluralidade de opinións e reflexións profundas.





4.    AS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS NO SECTOR DA 1ª TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA

4.1.       POBOACIÓN TRABALLADORA DE MÁIS DE 55 ANOS

En termos laborais, o colectivo de persoas traballadoras envellece nas últimas décadas, seguindo a tendencia da poboación en xeral que ven motivada pola baixa taxa de fertilidade, cambios nos patróns na formación da familia, movementos migratorios ou o aumento da esperanza de vida, entre outras.

Analizando a evolución da poboación traballadora en España por grupos de idade nos últimos dous anos, obsérvase que a partir dos 45 anos prodúcese un crecemento paulatino da poboación traballadora ata aproximarnos á idade de xubilación. O aumento máis notable percíbese no grupo de traballadores/as de 60 a 64 anos.



Gráfica 1. Porcentaxe de poboación traballadora en España. Período 2018-2019

Fonte: elaboración propia a partir de datos da EPA



No caso de Galicia, o colectivo de persoas traballadoras de 55 ou máis anos representan o 19,4% do total da súa poboación (ver gráfica 2), situándose por riba da media nacional (17,9%) e destacando as provincias de Ourense (22,1%) e Lugo (21,2%) como as de maior poboación ocupada desta idade na comunidade.




Gráfica 2. Distribución porcentual da poboación ocupada de máis de 55 anos en Galicia e por provincia. Ano 2019

Fonte: elaboración propia a partir de datos da EPA do IGE



A evolución deste colectivo mostra unha tendencia crecente ao longo dos anos, pasando de 16,3% no ano 2013 ao 19,4% no ano 2019 e que está destinada a manterse e mesmo a acentuarse co tempo, impulsada pola evolución crecente do envellecemento da poboación.



Gráfica 3. Evolución porcentual da poboación ocupada de máis de 55 anos en Galicia. Período 2013-2019

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE



Como se recolle na seguinte gráfica, a proxección demográfica en Galicia indica que no 2033 o 48,1% da poboación estará composta por persoas de máis de 55 anos, o que implicará un cambio importante no contexto demográfico da comunidade.



Gráfica 4. Proxección da evolución do % de poboación de máis de 55 anos sobre o total de poboación en Galicia. Período 2020-2033

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE



Cal é a situación no sector da 1ª Transformación da madeira?

O sector da 1ª Transformación da madeira conta no ano 2018 con 2.852 empresas con sede social en Galicia e 16 empresas que realizan actividades na comunidade pero que a súa sede social está fóra dela, segundo datos do IGE, e engloba distintas actividades empresariais, desde empresas que realizan actividades de silvicultura ata empresas de explotación forestal, serradoiros, fabricación de taboleiros e pasta de celulosa e biomasa, etc.

Táboa 1. Actividades que constitúen o sector da 1ª Transformación da madeira

CNAE 2009

3 díxitos

CNAE 2009

4 díxitos

TITULO_CNAE 2009

021

210

Silvicultura e outras actividades forestais

022

220

Explotación da madeira

024

240

Servizos de apoio á silvicultura

161

1610

Serrado e cepillado da madeira

162

1621

Fabricación de chapas e taboleiros de madeira

1622

Fabricación de chans de madeira ensamblados

1623

Fabricación de outras estruturas de madeira e pezas de carpintería e ebanistaría para a construción

171

1711

Fabricación de pasta papeleira

1712

Fabricación de papel e cartón

Fonte: Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009)



Por provincias, A Coruña é a que conta con máis empresas do sector (39,7%). Lugo o 21,6% do total.



Gráfica 5. Distribución das empresas galegas do sector da 1ª Transformación da madeira por provincia. Ano 2018

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE



En relación ás empresas con sede na provincia de Lugo, o 39,5% delas realizan servizos de apoio á silvicultura (epígrafe 024 da CNAE-2009), o 19,5% actividades de silvicultura e outras actividades forestais (epígrafe 021) e o 16,3% dedícanse á fabricación de produtos de madeira, cortiza, etc. (epígrafe 162).



Gráfica 6. Distribución das empresas galegas do sector da 1ª Transformación da madeira na provincia de Lugo por actividade (CNAE-2009). Ano 2018

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE



Para conseguir datos da poboación ocupada de máis de 55 anos no sector da 1ª Transformación da madeira co obxecto de obter unha panorámica da situación deste colectivo acudimos ás estatísticas da EPA para os macrosectores de Agricultura, gandaría, caza e silvicultura (onde se engloban as actividades 02.1, 02.2 e 02.4) e da Industria (que recolle as actividades 16.1, 16.2 e 17.1), pois non existen datos publicados por idade desagregados para as actividades concretas de silvicultura, serradoiros, fabricación de produtos de madeira, etc. que constitúen o sector de estudo.

Aínda que estes macrosectores abarcan máis actividades das analizadas permítenos obter unha aproximación á realidade deste colectivo ante a falta de datos máis específicos. Obsérvase que as persoas ocupadas de máis de 55 anos en Galicia na Agricultura, gandaría, caza e silvicultura representan no ano 2019 o 35,5% da poboación traballadora nestas actividades e na industria o 14,2%. Atendendo a súa evolución nos últimos cinco anos, a tendencia mantense ou crece ao longo deste período.



Gráfica 7. Distribución porcentual da poboación ocupada de máis de 55 anos en Galicia na Agricultura, gandaría, caza e silvicultura e na Industria*. Ano 2019

Fonte: elaboración propia a partir de datos da EPA do IGE

(*) Nota: Represéntase os datos para os macrosectores de Agricultura, gandaría, caza e silvicultura, así como da Industria, porque son os que engloban as actividades que compoñen o sector de estudo (carécese de datos publicados por idade desagregados para estas actividades)



Gráfica 8. Evolución porcentual da poboación ocupada de máis de 55 anos en Galicia na Agricultura, gandaría, caza e silvicultura e na Industria. Período 2015-2019

Fonte: elaboración propia a partir de datos da EPA do IGE



4.2.       REPERCUSIÓN DO ENVELLECEMENTO DA POBOACIÓN TRABALLADORA NA CONTORNA LABORAL: VANTAXES E LIMITACIÓNS

As persoas de máis de 55 anos reúnen unha serie de características intrínsecas, propias da súa idade, que van influír na súa exposición aos riscos laborais derivados da súa actividade.

Acadar e superar esta idade supón que a persoa estea inmersa no proceso natural do envellecemento, que provoca cambios, tanto biolóxicos como psicolóxicos e sociais, cada un deles evolucionando a un ritmo diferente. O deterioro progresivo da saúde pode levar ao traballador/a á cronificación, complicación ou aparición de danos que non se teñen en conta no caso das persoas novas, como pode verse na seguinte gráfica.



Gráfica 9. Poboación española con algunha enfermidade ou problema de saúde crónico percibido segundo grupos de idade. Ano 2017

Fonte: elaboración propia a partir de datos da Enquisa Nacional de Saúde do INE



Aínda que estes cambios derivados da idade poden variar moito dunha persoa a outra, en xeral empeza a verse afectada a súa saúde co deterioro do sistema cardiovascular e respiratorio, do sistema músculo-esquelético, do sistema sensorial (vista-oído-equilibrio), fraxilidade na pel, cambios nos patróns do sono, etc. e todo iso pode ser máis ou menos significativo en función do posto de traballo desempeñado.

Deste modo as actividades que inciden en maior grado sobre os sistemas vitais que tenden a un máis rápido deterioro, como o músculo-esquelético, o cardio-respiratorio, a pel, etc. van facer máis vulnerable á persoa traballadora de máis de 55 anos, predispoñéndolle en determinados casos á materialización do dano: accidentes de traballo e/ou enfermidades profesionais e/ou outras patoloxías derivadas do traballo.

Á súa vez, estes cambios van estar influídos por factores ambientais (ruído, vibracións, po, ... especialmente significativos neste sector), a predisposición xenética da persoa a determinadas enfermidades, o seu estilo de vida (actividade física, alimentación, adicións ao consumo de alcohol e outras substanciais, etc.), nivel educativo e socioeconómico e o xénero.

As persoas participantes no Delphi coinciden en que a maior idade da persoa traballadora repercute na forma de xestionar o seu traballo e na capacidade de coordinación e reacción ante imprevistos, esta diminúe. Por outro lado, ao levar moitos anos no posto de traballo pode xerarlles sobre confianza no desenvolvemento das tarefas e que cometan imprudencias.



Táboa 2. Grado de acordo coas seguintes aspectos relacionados coa idade da persoa traballadora

 

 

Totalmente en desacordo, en desacordo ou nin de acordo ni en desacordo

De acordo ou totalmente de acordo

Non sabe

 

O procesamento cognitivo e sensorial é máis lento co paso dos anos

5,3%

84,2%

10,5%

 

A idade da persoa traballadora condiciona a súa capacidade de adoptar posturas extremas no posto, aplicar forzas, manter o equilibrio ou efectuar quendas de traballo

15,8%

73,7%

10,5%

A idade repercute nunha diminución da capacidade de coordinación e reacción dos traballadores/as

5,3%

84,2%

10,5%

 

Debido a idade cométense imprudencias no posto de traballo pola sobre confianza da persoa traballadora derivada da súa experiencia adquirida no tempo

26,3%

73,7%

0,0%

Fonte: Delphi do estudo



Pero cumprir anos non só ten limitacións, tamén implica atributos positivos, como a sabedoría, o pensamento estratéxico ou a capacidade de deliberar. Ademais, en relación a súa traxectoria profesional, o paso do tempo conleva a experiencia e a acumulación de coñecementos técnicos.


R  SISTEMAS FISIOLÓXICOS AFECTADOS COA IDADE

Sistema músculo esquelético:

O paso do tempo causa efectos sobre o sistema músculo-esquelético, como a perda de flexibilidade ou elasticidade muscular, que afecta á capacidade de adoptar posturas extremas, realizar repeticións e aplicar forzas; a diminución da mobilidade, maior rixidez articular e perda de masa ósea que redunda en fraxilidade ou risco de rotura dos ósos (enfermidades como a osteoporoses son especialmente significativas no caso das mulleres). Doutra banda, entre os 20 e os 60 anos prodúcese unha redución da forza muscular e da resistencia entre o 20 e o 40 %.

Desde o enfoque laboral pode afectar a todas aquelas tarefas que impliquen manipulación manual de cargas, traballos de pé e/ou un amplo rango de movementos. Todo isto pode supoñer maior risco de lesións por sobreesforzos, trastornos da saúde moi característicos entre a poboación traballadora do sector.

Sistema cardiovascular e respiratorio:

Detéctase un aumento da hipertensión arterial e unha redución da capacidade aerobia de aproximadamente o 10% cada dez anos, o que implica: menor gasto cardíaco, menor capacidade pulmonar e maior consumo de osíxeno durante o exercicio físico.

Tamén prodúcese unha menor capacidade para autorregular a temperatura corporal, que no noso sector ten a súa repercusión nos traballos ao aire libre, sobre todo con condicións climatolóxicas adversas. Igualmente, cada dez anos diminúe a masa libre de graxa e aumenta a masa graxa. Aparecen cambios na capacidade de termoregulación e aumenta o risco coronario.

Sistemas sensoriais:

O envellecemento provoca a redución das seguintes capacidades sensoriais na persoa traballadora, capacidades que son fundamentais nas actividades que se desenvolven no sector:

®    Cambios no equilibrio: existe unha relación entre o aumento do desequilibrio e a diminución do sentido de percepción das vibracións a nivel dos membros inferiores. O envellecemento da lugar a unha impresión de inestabilidade e sería en parte, causa de mareos e vertixe. Coa idade os desprazamentos vólvense lentos e inestables e prodúcese dificultades no equilibrio, perda de axilidade e de capacidade de reacción reflexa.

Nesta situación aumenta o risco de caídas, esvaróns ou tropezóns, especialmente significativo naquelas actividades nas que se traballa en alturas ou en lugares de acceso complicado.

®    Capacidade visual: dificultade para distinguir entre cores e para calcular distancias e a velocidade de obxectos en movemento e diminución da visión en condicións de pouca luz. Vai ter efectos nos cambios de iluminación nas distintas zonas ás que teña acceso o traballador/a e na condución, especialmente nocturna. Tamén terá efectos sobre a capacidade de lectura ou na realización de tarefas moi minuciosas.

®    Capacidade auditiva: incapacidade de distinguir sons agudos, dificultade para localizar a fonte do son, provoca sensación de illamento e dificulta a comunicación. En xeral vai afectar á comunicación, á comprensión de instrucións e á percepción do risco na contorna inmediata, en especial si se traballa en ambientes ruidosos.

A perda de audición é a de maior relevancia, podendo ser ata tres veces maior que a visual.

Pel:

Á pel tamén sofre o paso do tempo, faise máis fina e fráxil, máis propensa á inflamación e ás alerxias e máis débil na exposición a ambientes con presenza de niveis de humidade elevados e aos efectos xerais do clima, en particular, ao dano por exposición ao sol, así como aos contaminantes químicos.

Procesamento cognitivo:

O procesamento da información e de memorización, de forma natural, coa idade, vólvese máis lento, diminúe a axilidade mental, prodúcense perdas de memoria, limitación na percepción de sinais, etc. pero en todo caso, e en condicións normais, este efecto negativo vese compensando pola experiencia e a adquisición ao longo do tempo de habilidades específicas.

Os cambios tecnolóxicos poden producir riscos psicosociais nestes traballadores/as, que nalgúns casos resístense ao cambio (medo ao descoñecido, percíbeno como unha ameaza, esforzo de aprendizaxe, cuestionamento da súa capacidade, medo ao fracaso, ameaza ao seu posto, perda de control sobre o traballo, etc.).

Sono:

A idade vai provocar cambios nos patróns de sono, que inflúe particularmente nas quendas de traballo. A máis afectada é a quenda de noite. Doutra banda, tamén ten influencia significativa no mantemento da concentración, que se complica se intenta manterse no tempo.

Patoloxías específicas na muller:

®    A menopausa: trátase do envellecemento reprodutivo, que pode supoñer a diminución de niveis hormonais e que redundan en efectos sobre os ósos ou os niveis de colesterol en sangue.

Pode afectar no traballo a nivel de aumentar a fatiga e o esgotamento. Algúns síntomas como as sufocacións e a suor nocturna provocan o chamado insomnio na menopausa e supón que desde o principio da xornada a muller se vexa afectada polo cansazo e a falta de concentración no seu traballo.

®    A osteoporose: pode representar un problema grave no caso das fracturas osteoporóticas debido a unha perda de masa ósea, xa que é un trastorno do esqueleto. Os factores de risco poden ser de dous tipos:

o      Inherentes ao óso: a macro e micro arquitectura, recambio óseo e micro-fracturas que afectan á cantidade e calidade do óso.

o      Extra-esqueléticos: por aspectos xenéticos, outros factores que actúan ao longo da vida (pola alimentación ou a vida sedentaria) ou que poden afectar a partir dun determinado momento (fármacos, dieta, enfermidades).

Máis factores que lle afectan:  o hipoestronismo (déficit estroxénico) e a menopausa, sinalada antes.

A osteoporose pode provocar dor crónico de orixe óseo e fracturas, o cal ten como consecuencia absentismo laboral. Para paliar o problema é necesario aplicar protocolos nos recoñecementos médicos, considerar a particularidade da situación da muller, facendo especial fincapé en programas de detección e prevención precoz da osteoporose.

O envellecemento das persoas traballadoras leva tamén a un aumento da incidencia das enfermidades crónicas (diabetes, reuma, doenzas cardíacas), dexenerativas do sistema nervioso (demencia, Alzheimer) e outras patoloxías.





O impacto das enfermidades profesionais tamén é maior co envellecemento, sobre todo daquelas xeradas polo tempo de exposición prolongada durante toda a súa vida laboral.




5.    RISCOS LABORAIS AOS QUE ESTÁN EXPOSTAS AS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS DO SECTOR

5.1.       SINISTRALIDADE LABORAL NESTE COLECTIVO

O sector da 1ª Transformación da madeira ten unha alta sinistralidade laboral. Só en Galicia no ano 2018, segundo datos do ISSGA, rexistráronse un total de 1.120 accidentes sen baixa e 1.209 con baixa, 6 deles mortais e 35 graves.

No caso da provincia de Lugo producíronse o 18,8% dos accidentes con baixa (227) e aínda que as persoas traballadoras de 55 ou máis anos non é o grupo que acapara o maior número destes accidentes (8,4% do total dos accidentes con baixa na provincia), pode observarse na seguinte gráfica que nestas persoas prodúcese unha maior incidencia de accidentes graves e mortais que leves, situación distinta do que acontece co resto de grupos de idade. Se ben o persoal traballador de máis idade ten máis experiencia na realización das súas tarefas, tamén teñen exceso de confianza, con rutinas e hábitos de traballo adquiridos co paso dos aos que complican a integración da PRL e lles levan a que cometan imprudencias e se produzan accidentes. A isto hai que engadir o deterioro das súas capacidades físicas (forza, equilibrio, visión…)  que poden finalizar en accidentes fatais. Por iso é preciso facer fincapé nos riscos deste colectivo máis vulnerable.



Gráfica 10. Distribución dos accidentes con baixa no sector da 1ª Transformación da madeira na provincia de Lugo por gravidade e grupo de idade da persoa traballadora. Ano 2018

Fonte: elaboración propia a partir de datos do ISSGA



Por outro lado, atendendo aos accidentes mortais producidos no sector na provincia de Lugo, é salientable que na metade deles a vítima foi unha persoa traballadora de 55 ou máis anos. No caso dos graves, este dato é o do 18,2%.



Gráfica 11. % de accidentes leves, graves e mortais acontecidos na provincia de Lugo na poboación traballadora de 55 ou máis anos do sector sobre o total de accidentes por gravidade. Ano 2018

Fonte: elaboración propia a partir de datos do ISSGA



Das entrevistas obtense que mentres os accidentes laborais acontecen en todos os grupos de idade, nas persoas traballadoras de máis de 55 anos do sector prodúcense sobre todo enfermidades profesionais, derivados de problemas nos manguitos rotadores do ombro, nos cóbados, sobreesforzos, etc.


5.2.       RISCOS ERGONÓMICOS, PSICOSOCIAIS E OUTROS RISCOS LABORAIS QUE AFECTAN A ESTAS PERSOAS TRABALLADORAS

As persoas participantes no Delphi están de acordo en que os riscos ergonómicos que mentres os accidentes laborais acontecen en todos os grupos de idade, nas persoas traballadoras de máis de 55 anos do sector prodúcense sobre todo enfermidades profesionais, derivados de problemas nos manguitos rotadores do ombro, nos cóbados, sobreesforzos, etc.


R  RISCOS ERGONÓMICOS

Os principais riscos ergonómicos neste sector están producidos xeralmente pola adopción de posturas forzadas, a realización de movementos repetitivos (nos que se moven os mesmos grupos musculares), a manipulación manual de cargas (con pesos superiores a 25 Kg)e a aplicación de forzas durante a xornada laboral e que levan a sobreesforzos osteomusculares (nos datos de sinistralidade laboral do ano 2018, o 17,2% dos accidentes laborais con baixa no sector na provincia de Lugo eran a consecuencia dos sobreesforzos).

“(…) problemas de cóbados, lumbares...ao manipular pesos e todo o que teña que ver con mantementos de maquinaria requiren certos esforzos, con posturas forzadas que pode afectarlle máis ás persoas maiores, xa que perden forza”.

(persoa entrevistada)

Para as persoas expertas entrevistadas, os traballos que se desenvolven neste sector requiren moito esforzo e traballo físico derivado, tanto polo propio traballo en si, como polo peso ou dificultade de movementos derivados do uso dos EPI (botas de seguridade, roupa anticorte, etc.) ou da maquinaria e equipos de traballo empregados (motoserra, etc.) cando, por exemplo, teñen que traballar polo monte.

Nos traballos en serradoiros o risco ergonómico fundamental céntrase no manexo de cargas, as veces froito dunha mala organización do traballo ou da falta de medios mecánicos, aínda que isto depende moito do grado de mecanización e modernidade dos centros de traballo.  

Os factores de risco ergonómico son aquelas condicións de traballo ou esixencias durante a realización das tarefas que incrementan a probabilidade de desenvolver trastornos ou lesións músculo-esqueléticas (TME) nas persoas traballadoras, e por tanto, incrementan o nivel de risco. Por exemplo, lesións de tipo inflamatorio ou dexenerativo de músculos, tendóns, nervios, articulacións, ligamentos, etc., principalmente no pescozo, costas, ombreiros, cóbados, bonecas, mans, dedos e pernas. Isto unido ao propio deterioro físico do colectivo de persoas traballadoras maior de 55 anos e a súa antigüidade no posto, fai que as consecuencias na saúde da exposición laboral a estes riscos teñan un efecto multiplicador.

Estas lesións aparecen de forma lenta e paulatina e nun principio parecen inofensivas. Primeiro aparece dor e cansazo durante as horas de traballo, pero estes síntomas desaparecen fóra do mesmo. Segundo se van agravando ditas lesións, a dor e o cansazo non desaparecen nin nas horas de descanso.

A ergonomía considera, cun enfoque integral, tanto os factores físicos, como os ambientais, organizativos e psicosociais (cognitivos e sociais) e os individuais.

 

Na seguinte táboa recóllese un listado dos factores de risco ergonómico.


 

Táboa 3. Factores de risco ergonómico

CONDICIÓN DE TRABALLO/

FACTOR ERGONÓMICO

COMPOÑENTES A TER EN CONTA

FACTORES FÍSICOS OU BIOMECÁNICOS

Posturas forzadas/repetitividade

Neste caso os factores de risco máis habituais son a frecuencia de movementos, a duración da postura e as posturas de tronco, pescozo, extremidade superior ou inferior. Este tipo de posturas serían aplicables tanto nos traballos máis físicos do sector como nas tarefas administrativas (por exemplo malas posturas derivadas dun uso continuado do ordenador durante a xornada laboral).

Aquí inclúese o uso da forza, a frecuencia de movementos, a adopción de posturas e movementos forzados, os tempos de recuperación insuficiente e a duración do traballo repetitivo.

A ter en conta: a postura dos distintos segmentos corporais, tempo mantido da postura, accións realizadas, niveis ou grados de repetitividade dos movementos, tempo de recuperación, aplicación da forza, ferramentas que vibran e forzas de impacto, o uso de EPI (por ex. luvas), uso da man como ferramenta, condicións termohigrométricas, factores de organización e psicosociais, factores individuais.

Manipulación manual de cargas/ aplicación de forza

No sector da 1ª Transformación da madeira é moi habitual a manipulación manual de cargas e os factores de risco ergonómico depende dos seguintes elementos:

-      Levantamento: segundo o peso a levantar, frecuencia dos levantamentos, agarre da carga, asimetría ou torsión do tronco, distancia da carga ao corpo, desprazamento vertical da carga ou a duración da tarefa.

-      Transporte: peso da carga, distancia, frecuencia e masa acumulada transportada.

-      Empurre e arrastre: forza, o obxecto e as súas características, altura do agarre, distancia de recorrido, frecuencia e duración e postura.

A carga física do traballo é outro dos aspectos de gran importancia a ter en conta á hora de distribuír e organizar o traballo. Vén determinada polas capacidades fisiolóxicas do traballador/a, a súa complexión, a súa habilidade ante determinadas accións, etc.

A persoa traballadora de máis idade necesita tempos de recuperación maiores ante a realización de esforzos físicos. Un incorrecto ou deficiente descanso pode afectar no futuro ao desempeño das súas tarefas e provocar efectos negativos na súa saúde.

CONDICIÓNS AMBIENTAIS

Iluminación

Nivel de iluminación, luminancia, equilibrio de luminancias e iluminancias, cegamentos, temperaturas de cor, etc.

Vibracións

Aceleración, frecuencia, dirección da onda, e tipo de exposición (corpo enteiro, man-brazo).

Condicións termohigrométricas

Temperatura do aire, temperatura radiante, humidade relativa, velocidade do aire, etc.

Ruído

Nivel de presión acústica, frecuencia, variación temporal, contido da información, etc.

Calidade do ambiente interior

Renovación do aire, ventilación, monóxido de carbono, dióxido de carbono, compostos orgánicos volátiles, lexionela, etc.

FACTORES INDIVIDUAIS

Xénero, idade, antigüidade do posto, patoloxías asociadas, estilo de vida, nivel de formación, etc.



R  RISCOS PSICOSOCIAIS

En relación aos factores de risco psicosocial que poden producirse neste sector, entendendo estes como “aquelas condicións presentes nunha situación laboral e que están directamente relacionadas coa organización, o contido do traballo e a realización da tarefa, e que teñen capacidade para afectar tanto ao benestar ou á saúde (física, psíquica e social) da persoa traballadora como ao desenvolvemento do seu traballo” (NTP 443 do INSST), atópanse os seguintes:



Táboa 4. Factores de risco psicosocial

CONDICIÓN DE TRABALLO/

FACTOR PSICOSOCIAL

COMPOÑENTES A TER EN CONTA

Contido do traballo

Duración do ciclo de traballo, fragmentación, complexidade excesiva, traballo sen sentido, duración excesiva ou demasiado curta, repetitividade, pouca variedade, escaso valor das tarefas, desaxuste entre capacidades e exixencias, exixencias emocionais importantes ou continuadas, etc.

Carga de traballo/

ritmo de traballo

Infracarga ou sobrecarga, ritmo alto ou imposto ou inadecuado, prazos inflexibles mal planificados ou non adaptados, niveis concentración/atención continuada, interrupcións, imprevisibilidade, consecuencias dos erros, tempos de execución, información insuficiente, multitarefa, necesidade de actualización permanente, etc.

Tempo de traballo

Nocturnidade, traballo en quendas, xornadas excesivas, irregularidade de horarios, imprevisibilidade, descansos insuficientes, traballo en fins de semana, etc.

Participación/control

Falta de autonomía temporal ou decisional, dificultade para ter iniciativa e participación, etc.

Desempeño de rol

Indefinición, ambigüidade, responsabilidade sobre persoas, conflito de rol, etc.

Desenvolvemento profesional

Promoción inadecuada ou insuficiente, estancamento da carreira profesional, condicións contractuais, remuneración, insuficiente formación ou capacitación, déficit de compensación, recoñecemento ou estatus, etc.

Relacións interpersoais/apoio social

Escaso ou inadecuado apoio social, mala calidade de relacións persoais, situacións conflitivas, desconfianza, illamento social, etc.

Equipos de traballo e exposición a outros riscos

Tecnoloxías, equipos, ferramentas, deseño, adecuación, contorna física, exposición a factores ergonómicos, etc.



 

Dentro destes factores, os expertos/as sinalan que o principal o ritmo de traballo (presión sobre a persoa traballadora polo ritmo de traballo).

“O ritmo de traballo é o talón de Aquiles do forestal”.

(persoas expertas entrevistadas)

A evidencia científica subliña a relación entre a exposición aos factores de risco psicosocial no traballo e a probabilidade de efectos negativos para a saúde da persoa traballadora e sobre certos índices de saúde ocupacional: absentismo, produtividade, satisfacción, rotación, clima laboral,...

Entre os riscos psicosociais máis habituais que poden darse neste sector atópanse o estrés laboral e o desgaste profesional ou síndrome de Burnout. Estes riscos afectan a toda persoa traballadora en calquera etapa da súa vida profesional, polo que tamén deben terse en conta no persoal maior de 55 anos, sobre todo se está persoa estivo exposta a estes riscos durante moito tempo.

Por estrés laboral enténdese o proceso natural do organismo que se activa ante situacións da contorna que requiren unha resposta inmediata.

 

Na seguinte ilustración pódese observar que factores dan lugar ao estrés laboral e as consecuencias que este ten a diversos niveis.



Ilustración 1. Factores que provocan estrés laboral



Ademais, se estes factores da contorna laboral dan lugar a situacións de estrés continuado, as consecuencias poden ser prexudiciais, chegando a situacións de colapso físico e mental, saturación, problemas na organización e no resto de ámbitos da vida. É aquí cando aparece o denominado Síndrome Burnout ou desgaste profesional, colapsando o organismo da persoa traballadora e sendo incapaz de adaptarse.



Ilustración 2. Secuencia do Síndrome Burnout



Tamén, como risco psicosocial inclúese aquelas situacións nas que a persoa traballadora pode sufrir acoso ou violencia laboral derivados de abusos, amezas ou ataques no seu traballo, tal que poñan en perigo a súa seguridade, benestar ou saúde (física e/ou psíquica).

Todos estes riscos psicosociais teñen consecuencias na persoa traballadora, as cales pódense agrupar nos seguintes tipos:

i.              Consecuencias psicosociais:

a.     Desde cansazo ata o esgotamento e malestar.

b.    Alteracións dos sistemas do organismo: dixestivo, endocrino, inmunitario, etc.

c.     Dores de cabeza, problemas do sono, hipertensión...

d.    Fatiga crónica

ii.             Consecuencias de conduta:

a.     Abuso de substancias excitantes, estimulantes, medicamentos, etc.

b.    Conduta despersonalizada con outros traballadores/as.

iii.            Consecuencias emocionais:

a.     Sentimento de inseguridade.

b.    Sentimento de soidade.

c.     Medo, fobias.

d.    Sentimento de impotencia, frustración.

e.     Esgotamento emocional.

f.      Ansiedade.

g.    Depresión.

iv.            Consecuencias sociais

a.     Distanciamento afectivo.

b.    Apatía.

c.     Agresividade.


R  OUTROS RISCOS LABORAIS

No sector da 1ª Transformación da madeira realízanse ou interveñen procesos diferentes, o que provoca que as persoas traballadoras estean tamén expostas a riscos específicos propios desta actividade máis alá dos riscos ergonómicos e psicosociais.

Este riscos veñen derivados dunha serie de factores, entre os que destacan os seguintes:

·         Lugar de traballo.

·         Uso de máquinas e equipos perigosos.

·         Altos niveis de ruído.

·         Exposición ao po e certas substancias e axentes derivadas da madeira.

En relación ao lugar de traballo é característico nalgunhas actividades do sector desenvolver as tarefas no monte, onde poden atoparse desniveis no terreo, pendentes, fochas ou traballos en altura que poden producir riscos de caídas a distinto ou mesmo nivel e onde a diminución das capacidades derivadas da idade xoga un papel fundamental (dificultade de mobilidade, perda de equilibrio e axilidade…).

Neste ámbito tamén se está exposto/a a posibles golpes con árbores, ramas ou taboleiros de madeira ou a traumatismos ou esmagamento por derrubamento de troncos, que leva a necesidade de estar alertas, ter as capacidades sensoriais (visión, oído, equilibrio)  nas mellores condicións posibles para facer fronte a estes imprevistos.

Tamén se traballa con máquinas ou equipos perigosos, de cuxa utilización derivan riscos de cortes, caídas e atrapamentos, así como nalgúns casos vibracións das ferramentas ou equipos (unha persoa traballadora que leva moitos anos sometida a ditas vibracións pode ver afectada a súa saúde) ou o envorco o atropelos cos vehículos (por ex. nos traballos forestais).

Hai riscos específicos nas operacións de manipulación manual de taboleiros e outras pezas pesadas de madeira, polo que deben adoptarse medidas ergonómicas e técnicas apropiadas de manipulación de materiais para evitar lesións de costas e das extremidades superiores.

Outro factor que deriva en risco é o nivel de ruído producido polas diversas operacións que se realizan coas máquinas e equipos de traballo. Se non existen medidas de control do ruído, os niveis acadados poden ser elevados e superar os 90 dBA, coa conseguinte perda auditiva. As persoas que traballan nas proximidades de serras e outras máquinas de transformación da madeira adoitan verse expostas a niveis superiores a 90 ou 95 dBA. Este é un risco moi importante nos traballadores/as de maior idade, xa que a capacidade auditiva diminúe co paso dos anos. Entre os 30 e os 40 anos calquera persoa adulta comeza a perder o sentido do oído. Un de cada cinco adultos sofre perda auditiva, e aos 80 anos, a metade da poboación enfróntase a este problema (Beltone, 2017).

Outro risco asociado a este sector é a exposición a substancias derivadas da madeira, como serraduras, lascas, estelas e outros residuos expulsados polas ferramentas e equipos de traballo, os cales poden provocar lesións oculares e doutro tipo no persoal traballador que leva a cabo as operacións. O contacto entre a madeira e a pel sen protexer tamén pode dar lugar a picadas, cortes e estelas cravadas. Por iso é polo que hai que utilizar medidas de protección individual (luvas, roupa de traballo, lentes e/ou pantallas de protección etc.).

Noutras operacións, como as de descortezado, practicamente non se produce serraduras, xa que o obxectivo é deixar a madeira intacta, pero si é posible que o aire conteña terra, cortizas e axentes biolóxicos en suspensión, tales como bacterias e fungos. As persoas traballadoras que levan a cabo tarefas de manipulación dos restos da madeira e os que levan a cabo tarefas de transporte de troncos ao almacén están expostos a bacterias e fungos patóxenos, que se desenvolven en temperaturas inferiores a 70 °C.

O mesmo cabe dicir do contacto con substancias e elementos conservantes. En primeiro lugar porque se somete a madeira a un proceso de inmunización fronte ao ataque de fungos e insectos, que segundo o sistema utilizado pode supor un maior ou menor tempo de exposición do traballador/a ás substancias químicas utilizadas (é menor se se realiza sen presión).

A exposición ao po da madeira ou ás fumes procedentes doutras operacións de traballo é outro factor de risco, porque estas partículas poden penetrar no organismo por diferentes vías (epidérmica, mucosas ou por inhalación a través do sistema respiratorio) e en función destas producir distintos efectos na saúde da persoa traballadora. A incidencia depende da concentración ambiental do axente, o tamaño das partículas e no seu caso, do tipo de madeira. Nestas situacións pode resultar necesario instalar proteccións nos equipos e maquinaria de traballo, ventilación por aspiración localizada e o emprego de equipos de protección individual (luvas, roupa de traballo, mascara protectora).


A todos estes riscos laborais revisados nestes capítulo hai que engadir a maiores como factor de risco a idade da persoa traballadora, xa que se trata dun factor en si mesmo que pode condicionar a exposición aos riscos laborais. A acumulación de anos de carreira laboral pode proporcionar certas vantaxes aos traballadores/as de máis idade, como son a experiencia, a capacidade para resolver problemas ou situacións complexas, pequenos trucos, maior paciencia e serenidade, etc. Sen embargo, aínda que o seu rendemento non ten porque verse afectado, co avance da idade preséntanse problemas de saúde que afectan ao persoal traballador, principalmente os relacionados coa capacidade física, as funcións cognitivas, a vista e o oído, como se viu no capítulo 4 deste informe. O deterioro destas capacidades pode dar lugar a menor forza física, diminución da mobilidade, á necesidade de maiores pausas para a recuperación, etc. ou incluso a despistes que poden finalizar en accidentes fatais neste sector, onde é habitual a manipulación de maquinaria e grandes pezas de madeira. Segundo as persoas expertas entrevistadas hai unha idade a partir da que é habitual que esforzos que antes non afectaban, agora o fagan en articulacións, músculos e tendóns, pois están máis débiles. Detectase tamén a redución da vista, da capacidade de oír ou doenzas como a tensión ou cardíacas.

5.3.       DANOS SOBRE A SAÚDE DAS PERSOAS TRABALLADORAS DE MÁIS DE 55 ANOS

Coñecida a perda de capacidades das persoas con máis idade e a súa repercusión nos seus distintos sistemas fisiolóxicos, isto pode derivar en problemas de seguridade e saúde nos traballadores/as e á súa vez pode provocar a materialización de determinados riscos na contorna laboral.

A partir do coñecemento dos danos que afectan ás persoas traballadoras, comezan as distintas consideracións a ter en conta. É responsabilidade legal do empresario/a garantir a protección da saúde dos seus traballadores/as fronte aos riscos derivados do traballo e realizar a vixilancia da saúde, na que deberán incluírse protocolos específicos para o persoal de máis idade, polo aumento de enfermidades e da súa gravidade, de cara a que poidan prolongar a súa vida activa.

A empresa debe identificar os postos de traballo ocupados por persoas de máis de 55 anos e nos que pode ser máis significativa a diminución dalgunhas das facultades da persoa que o desempeña e as súas circunstancias persoais, e actuar para evitar a repercusión negativa: a enfermidade profesional e/ou o accidente de traballo. Débense implantar medidas adecuadas para adaptar, tanto o lugar como o equipamento, e ata os procedementos de traballo e todas aquelas variables que poidan incidir e paliar a incidencia da idade.

Entre as patoloxías ou lesións que maioritariamente padece a poboación laboral de máis de 55 anos en xeral son problemas osteomusculares de costas, ósos e articulacións e aqueles que teñen unha relación moi directa coa limitación de capacidade pulmonar, a diminución da mobilidade, aumento da rixidez articular e a perda de masa ósea, que redundan na diminución da forza muscular e da resistencia.

Os TME inclúen un amplo espectro de condicións que, en termos xerais, se asocian con dor e limitación da mobilidade pero con tendencia a converterse en crónicos, ademais do seu potencial de ocasionar discapacidade (segundo a OMS, as enfermidades músculo-esqueléticas, no seu conxunto, supoñen a primeira causa de discapacidade física de orixe non mental no mundo occidental).

Polo tanto, existes dous tipos básicos de lesións músculo-esqueléticas: unhas agudas e dolorosas, e outras crónicas e duradeiras. As primeiras están causadas por un esforzo intenso e breve, que ocasiona un fallo estrutural e funcional, e as lesións do segundo tipo son consecuencia dun esforzo permanente, que se agudiza co tempo que unha persoa leva no seu posto de traballo, e producen unha dor e unha disfunción crecente. Neste último caso, poden distinguirse tres etapas na progresión dos TME.

 

Ilustración 3. Etapas na progresión de TME

 

 

Algunhas destas lesións músculo-esqueléticas son específicas debido aos seus síntomas ben definidos, aínda que outras non o son tanto, xa que só se observa dor ou malestar sen síntomas evidentes dun trastorno concreto. Se se clasifican estes lesións específicas dependendo da parte do corpo afectada, entre outras, estarían as seguintes:

·       En ombreiro e pescozo: tendinite do manguito rotador, síndrome do estreito torácico ou costoclavicular, síndrome cervical por presión.

·       No brazo e no cóbado: epicondilitis e epitrocleite, síndrome do pronador redondo, síndrome do túnel cubital.

·       Na man e no pulso: tendinite, tenosinovite, dedo gatillo, síndrome da canle de Guyon, síndrome do túnel carpiano, ganglión.

·       Na zona lumbar: lumbalxia.

·       No membro inferior: bursite prepatelar.


 

Ilustración 4. Lesións máis frecuentes derivadas de sobreesforzos

Ademais destas lesións, neste sector pódense producir outras derivadas do traballo, como fracturas de ósos, torceduras, escordaduras e outras lesións músculo-esqueléticas derivadas da sobrecarga de traballo e que repercute especialmente nas persoas de máis de 55 anos debido a súa maior fraxilidade ósea e muscular, perda de equilibrio ou o padecemento de algunha enfermidade ou patoloxía crónica (artroses, reumatismo, dor de costas crónico,…).

Estes cambios das capacidades físicas e funcionais que se producen como consecuencia do envellecemento deben terse en conta pero tamén as seguintes cuestións: ergonomía do posto, movementos repetitivos, a manipulación manual de cargas, as posturas forzadas, as quendas de traballo; os lugares de traballo (demasiado fríos, cálidos ou ruidosos, vibracións, etc.) e os traballos en altura.

Tal e como establecen os art. 4.1 do RD 39/97 dos Servizos de Prevención e art. 16.2 da Lei 31/95 de PRL sobre a esixencia dunha avaliación de riscos nos postos de traballo, é necesario reunir toda a información posible, por exemplo, cales son as enfermidades que lle poden afectar a estas persoas derivadas da actividade desenvolvida.

Polo tanto, é importante incorporar o factor idade na avaliación de riscos, tendo en conta nos distintos grupos de idade os posibles cambios das capacidades funcionais e o estado de saúde, prestando unha maior atención ás esixencias do traballo para realizar as melloras oportunas e facer fronte aos diversos cambios que poden experimentar os traballadores e traballadoras de máis de 55 anos, considerándoos como un colectivo exposto, entre outros, aos seguintes riscos laborais :

à HIXIÉNICOS: iluminación, humidade relativa, ruído, temperatura, vibracións, etc.

à ERGONÓMICOS: manipulación manual de cargas, posturas forzadas, movementos repetitivos, etc.

à PSICOSOCIAIS: carga mental, ritmo de traballo, organización e traballo en equipo, quendas de traballo, etc.

 



6.    XESTIÓN DOS RISCOS LABORAIS NO SECTOR TENDO EN CONTA O FACTOR IDADE

6.1.       AVALIACIÓN DA INCLUSIÓN DO FACTOR IDADE NA XESTIÓN DA PREVENCIÓN

Un sistema de xestión da prevención de riscos laborais consiste na ordenación de actividades e procedementos que fan posible a calquera empresa o cumprimento estruturado e sistemático da lexislación vixente en materia de PRL. Pero ademais, dentro deste ciclo de xestión, a actividade crítica é a planificación preventiva, que permite, a través das actuacións precisas, acadar os obxectivos definidos, cumprindo a política da empresa e coa necesaria asignación de recursos (económicos, materiais e humanos).

En cumprimento do artigo 25 da Lei 31/95 de PRL o empresario/a ten que velar pola protección dos traballadores/as especialmente sensibles a determinados riscos, é dicir, garantir de xeito específico a protección das persoas traballadoras que, polas súas propias características persoais ou estado biolóxico coñecido, sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do traballo. Englóbanse neste grupo, por exemplo, ás persoas traballadoras mozas, as persoas con algunha discapacidade ou as mulleres en situación de embarazo, lactación e/ou posparto pero sen facer mención ás persoas traballadoras de máis idade. Estas non teñen unha protección específica en materia de prevención a nivel regulamentario, aínda que está a “Recomendación 162 OIT” e tampouco se fai referencia sobre o envellecemento e a súa influencia no incremento dos riscos ou a xeración de riscos específicos.

Sen embargo, facendo unha interpretación máis ampla deste artigo, pódese entender esta especial sensibilidade como unha maior predisposición das persoas traballadoras de máis idade aos posibles danos laborais. As persoas de 55 ou máis anos, como consecuencia do paso dos anos, soen estar expostas aos riscos laborais debido a unha paulatina redución das súas capacidades e facultades (físicas, cognitivas e/ou sensoriais) e/ou seu estado de saúde, e tamén poden cometer imprudencias, ter un exceso de confianza polos seus anos de experiencia, perden autoestima, determinadas condicións de traballo poden resultarlles máis agresivas (altas ou baixas temperaturas, esforzos físicos, ruído, quendas de traballo…), etc.

Isto esixe un novo enfoque, esixe considerar o factor idade na xestión de PRL na contorna laboral. Tendo en conta que a insuficiencia dos argumentos legais, e sendo a lei como é de mínimos, non existe obstáculo de ningún tipo para incluír as necesarias referencias á idade na xestión preventiva: na política da empresa, avaliación de riscos, formación, inclusión de boas prácticas, etc.

Por outro lado, a falta de definición de medidas preventivas necesarias enfocadas neste colectivo e a falta de desenvolvemento regulamentario sobre este aspecto, fai que os convenios colectivos sexan un bo instrumento para mellorar ou desenvolver esta materia.



Tense en conta na xestión da prl no sector 1ª transformación da madeira o factor idade?

Das entrevistas e o Delphi obtense que en xeral no sector non se soe ter en conta o factor idade na avaliación dos riscos laborais nos postos de traballo e tampouco se realiza a avaliación dos riscos ergonómicos, con importante incidencia neste sector, nin dos riscos psicosociais. Isto que debería implementarse en todas as empresas do sector, aplícase en moi poucas.

Outros aspectos da xestión da PRL nos que non se ten en conta de forma específica o factor idade son a información e formación en seguridade e saúde laboral, na consulta sobre os riscos específicos no posto, nos protocolos de traballo (son xenéricos), no deseño dos postos, na investigación dos accidentes e nos recoñecementos médicos, onde se seguen normalmente protocolos xerais enfocados nos postos de traballo e sen considerar a idade da persoa traballadora. Tampouco se aplican sempre nestes recoñecementos protocolos específicos de saúde sobre riscos ergonómicos e psicosociais.



Táboa 5. Grado de acordo ou desacordo coas seguintes afirmacións sobre a inclusión do factor idade na xestión da PRL no sector da 1ª Transformación da madeira galego

 

 

Totalmente en desacordo, en desacordo ou nin de acordo ni en desacordo

De acordo ou totalmente de acordo

Non sabe

 

As avaliacións de riscos laborais e medidas de control aplicadas nas empresas do sector non teñen en conta o factor idade

5,3%

78,9%

15,8%

 

As avaliacións de riscos laborais nas empresas galegas do sector inclúen a avaliación de riscos ergonómicos

0,0%

94,7%

5,3%

 

As avaliacións de riscos laborais nas empresas do sector inclúen a avaliación de riscos psicosociais

5,3%

78,9%

15,8%

A información e formación en materia de PRL que se lle ofrece ao persoal do sector non se realiza tendo en conta o factor idade

0,0%

84,2%

15,8%

Non se representa ás persoas de 55 ou máis anos na PRL, non se lles consulta especificamente sobre os riscos específicos no seu posto

15,8%

73,7%

10,5%

 

Os protocolos de actuación nas diferentes tarefas realízanse de forma xenérica, sen ter en conta as aptitudes, actitudes e características físicas das persoas segundo a súa idade

10,5%

89,5%

0,0%

No deseño de postos nos centros de traballo do sector non se ten en conta o factor de idade

5,3%

94,7%

0,0%

Realízase a investigación dos accidentes de traballo ou enfermidades profesionais de forma xenérica, sen ter en conta a idade da persoa traballadora

10,5%

63,2%

26,3%

Nas empresas do sector ofréceselle aos traballadores/as a posibilidade de realizar un recoñecemento médico do seu estado de saúde en función dos riscos asociados ao seu posto pero sen ter en conta a súa idade

5,3%

68,4%

26,3%

Os recoñecementos médicos no sector inclúen un protocolo específico de control de riscos ergonómicos e psicosociais

21,1%

52,6%

26,3%

Fonte: Delphi do estudo



Todas as persoas expertas que participaron como informantes neste estudo, coinciden en que a perspectiva da idade debe integrarse como parte da PRL. Isto permitirá mellorar as condicións de traballo de todas as persoas traballadoras e evitar as desigualdades por idade na saúde laboral.



Táboa 6. Principais motivos polos que debería integrarse o factor idade na xestión da PRL

 

 

% sobre o total de respostas

 

Porque o paso de tempo produce nas persoas traballadoras de máis idade a diminución das súas capacidades e facultades físicas, cognitivas e/ou sensoriais, estado de saúde e coordinación.

89,5%

 

Para mellorar as condicións de traballo de todas as persoas traballadoras e evitar as desigualdades por idade na saúde laboral

42,1%

Fonte: Delphi do estudo



Entenden que a idade é un factor máis dentro da xestión do riscos laborais e ao igual que se teñen en conta outros factores á hora de analizar un posto de traballo, a idade é un aspecto condicionante e relevante, porque fai que determinadas aptitudes da persoa traballadora ante o traballo sexan distintas: o paso do tempo produce unha diminución progresiva das súas capacidades físicas e cognitivas, cando estas son requirimentos demandados nos traballos deste sector. Ademais, poden dar lugar a situacións de exceso de confianza pola súa experiencia no posto, que poden desembocar nunha maior sinistralidade laboral.

“Nunha persoa maior, as capacidades psicofísicas en moitos casos están máis mermadas, o que non quere dicir que teñan unha menor competencia para desenvolver o seu traballo; esta diminución das súas capacidades vese compensada por outras fortalezas como é unha maior experiencia”.

“Trátase de xente que leva moito anos no mesmo posto de traballo....e poden ter exceso de confianza...como levan moitos anos facendo o mesmo... reláxanse, e isto pode dar lugar a accidentes...”.

(persoas expertas entrevistadas)

Para axudar a implementar este cambio e que no sector se comece a integrar a idade na xestión da PRL é fundamental unha maior concienciación, tanto por parte das persoas que ocupan postos de dirección como no propio colectivo de persoal traballador e noutros actores relacionados coa seguridade e saúde laboral (persoal técnico de PRL, mutuas, formadores/as e lexisladores). A que existe actualmente é insuficiente.

Tamén existe outra limitación importante neste sector que dificulta a integración do factor idade na xestión da prevención e na adopción de medidas. Está integrado por empresas pequenas, nas que non é posible efectuar, por exemplo, unha mellor organización do traballo, no que se poida adaptar o posto de traballo á persoa en función das súas capacidades relacionadas coa idade.

“Nunha empresa con 3-4 persoas é moi difícil ou imposible realizar unha adaptación do posto para que o faga unha persoa con menos idade. O tamaño da empresa dificulta adoptar este tipo de medidas....”.

(persoas expertas entrevistadas)

Tamén é necesario impulsar a inclusión do factor idade nos estudos, investigacións e estatísticas en materia de PRL, para obter resultados desagregados por idade que permitan acadar maior información sobre a incidencia dos riscos laborais sobre as persoas de máis de 55 anos, así como noutros grupos de idade.



Táboa 7. Grado de acordo ou desacordo coas seguintes afirmacións sobre a inclusión do factor idade na PRL en xeral

 

 

Totalmente en desacordo, en desacordo ou nin de acordo ni en desacordo

De acordo ou totalmente de acordo

Non sabe

 

É necesario unha maior concienciación na dirección e persoal das empresas, persoal técnico de PRL e mutuas, formadores/as, xestores e lexisladores sobre a integración do factor idade na xestión da PRL no sector

0,0%

94,7%

5,3%

 

Falta introducir o factor idade na investigación e estudos en materia de PRL

10,5%

78,9%

10,5%

Fonte: Delphi do estudo



6.2.       RECOMENDACIÓNS PARA INTEGRAR O FACTOR IDADE NA XESTIÓN DA PREVENCIÓN

O envellecemento da poboación é unha realidade cuxa tendencia non é previsible que remita nos próximos anos.

Neste contexto as empresas do sector da 1ª Transformación da madeira teñen que optimizar a xestión das súas organizacións respecto á seguridade e á saúde do colectivo de traballadores/as maiores. Aínda que desde a aproximación máis teórica hai que ser prudente respecto a incidencia ou non, que poden ter os riscos laborais na poboación traballadora de máis idade, si se poden abordar unha serie de actuacións prácticas para a mellor xestión dos riscos:

ü  Establecer políticas de xestión da idade nas súas organizacións, así como mellorar a xestión da seguridade e saúde.

ü  Integrar o factor idade nas avaliacións de riscos das empresas.

ü  Implementar e mellorar os sistemas de avaliación dos riscos ergonómicos e psicosociais e a planificación da actividade preventiva.

ü  Utilizar como ferramenta a negociación colectiva e a LPRL para mellorar as condicións de seguridade e saúde das persoas traballadoras maiores.

Ademais das actuacións que poidan ir dirixidas a este colectivo en concreto, entendemos que a mellor maneira de previr os danos da saúde das persoas traballadoras é coidar da súa saúde e seguridade ao longo de toda a súa vida laboral.

A continuación preséntanse unha serie de pautas recomendadas para integrar o factor idade na xestión da PRL das empresas.


R  POLÍTICA DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL NA EMPRESA. CULTURA PREVENTIVA

Á hora de integrar o factor idade no sistema de xestión preventiva, nas directrices xerais da Política de  Seguridade e Saúde Laboral necesítase unha xestión da idade, non só como referencia puntual, senón dentro da visión global da organización, baseada na crecente importancia cuantitativa e cualitativa dos traballadores/as de maior idade.

A política de PRL debe integrarse noutras políticas da empresa para que funcione, concretar os obxectivos e metas da empresa en materia preventiva tendo en conta o factor idade e contemplar no organigrama da empresa, as funcións e responsabilidades en materia preventiva.

Ademais, sería preciso que con esta incorporación se realice tamén a concienciación de todos os compoñentes da empresa, a todos os niveis, buscando un ambiente de traballo, ademais de seguro, saudable.

O fomento da cultura preventiva saudable na empresa vai ser un elemento clave para desenvolver un adecuado clima preventivo, de tal xeito que os traballadores/as perciban a importancia e a prioridade da seguridade e saúde no posto de traballo.

O primeiro de todo é a concienciación da dirección da empresa. A maioría das súas manifestacións deberán apuntar á importancia das persoas (incluíndo ás de maior idade) como principal activo organizacional, pola súa capacidade de xerar vantaxes competitivas.

Despois, deberase trasladar esa actitude a un nivel de comportamento, facéndoa operativa. Na xestión preventiva ese traslado toma forma mediante a súa inclusión na política da empresa, que deberá ser unha referencia para todas as persoas da organización e o posterior desenvolvemento no Plan de Prevención. Non se trataría tanto de crear un grupo especifico de idade, como si de introducir a idade como factor condicionante da prevención. Deste modo, todos os niveis xerárquicos deberán asumir a súa obriga de incluír a prevención con criterio de idade en calquera actividade que realicen ou ordenen e en todas as decisións que tomen sobre este colectivo na política da empresa. O Plan de Prevención debe estender en cada apartado a consideración dada na política, debendo facer as adaptacións necesarias (avaliación de riscos, planificación, etc.).





Trala inclusión na política da empresa, o primeiro movemento operativo debe ser a avaliación de riscos, que permitirá a valoración dos posibles incrementos de riscos neste colectivo concreto.


R  AVALIACIÓN DE RISCOS E PLANIFICACIÓN DA ACTIVIDADE PREVENTIVA

Deberá realizarse a avaliación de riscos en función da actividade e das características dos postos de traballo e das persoas traballadoras que desempeñen as tarefas neses postos, cunha consideración especial aos riscos ergonómicos e psicosociais. Igualmente é preciso que esta avaliación sexa revisada ou actualizada cando existan cambios nas condicións de traballo ou cando se produzan cambios na saúde dos traballadores/as.

A avaliación de riscos a nivel normativo está debidamente tratada nos artigos 16 e 23 da LPRL e no Capítulo II, Sección 1ª do Real Decreto 39/1997 dos Servizos de Prevención.

En relación ao persoal de máis idade, as propostas a levar a cabo serán as seguintes:

ü     Na avaliación de riscos ter en conta o factor de idade e todos aqueles aspectos relacionados coas persoas traballadoras de máis de 55 anos que poidan facer que estean expostas a maiores riscos (características físicas, biolóxicas, estado de saúde, etc.) e en  función destas, adoptar as medidas preventivas e de protección necesarias. Por exemplo, realizar a medición de riscos laborais en cada posto de traballo considerando o factor idade para avaliar como lle afecta á visión ou á audición da persoa traballadora de máis de 55 anos ou incluso determinadas posturas e lesións musculares.

ü     Adaptar as funcións e posto ao persoal traballador.

o      Reducirlle a carga física, ao verse reducidas as súas capacidades físicas.

o      Se o traballo consiste no traslado ou manexo de cargas pesadas, hai que considerar que este colectivo non conta coa mesma potencia física.

o      Establecer períodos de descanso con maior frecuencia, rotación nas tarefas realizadas, etc. O persoal traballador de avanzada idade necesita tempos de recuperación maior ante a realización de esforzos físicos. Un incorrecto ou deficiente descanso pode afectar ao futuro no desempeño das súas tarefas e provocar efectos negativos na súa saúde

o      Evitar que estas persoas traballadoras sexan empregadas en postos de traballo nos que das súas características poidan derivar situacións que as poña en perigo a elas, outros traballadores/as ou outras persoas relacionadas coa empresa. Por exemplo, os traballos de motoserrista non deberían estar realizados por persoas traballadoras desta idade.

ü     Informar sobre os riscos específicos dos traballadores/as de maior idade no traballo, como resultado da avaliación de riscos.

ü     Definir o programa de formación para traballadores/as de maior idade: manipulación manual de cargas, novas tecnoloxías, etc.

ü     Valorar a necesidade de estudos de PRL específicos nos postos ocupados por este colectivo, por exemplo: manipulación manual de cargas, ritmo de traballo, risco de caídas, ruído, etc.

En base aos resultados obtidos na avaliación estableceranse as medidas preventivas necesarias. Algúns exemplos de adaptación son os seguintes:

ü     Adaptación de equipos de traballo existentes ou subministración de novos para eliminar ou minimizar a manipulación manual, movementos repetitivos ou posturas inadecuadas.

ü     Rotación de tarefas e realización de pausas de traballo, prestando especial atención ás condicións de traballo con maiores exixencias físicas e outros factores de risco aos que son especialmente sensibles este colectivo.

ü     Cambios na quendas de traballo.

ü     Boa iluminación.

ü     Etc.

As medidas preventivas derivadas da avaliación de riscos deberán ter en conta polo tanto as especiais características físicas sensoriais, capacitacións, etc., maioritarias nestas persoas traballadoras, para a readaptación do posto, e no seu caso, re colocación do traballador/a con características incompatibles con el.

Outro aspecto fundamental é que as persoas traballadoras de máis de 55 anos dispoñan e reciban información e formación teórica e práctica en materia de prevención de riscos laborais adecuada a eles/as, que non soamente faga referencia a aspectos xerais da prevención, senón que se enfoque principalmente nos riscos específicos aos que están expostos na súa actividade en función da súa idade (por exemplo, en materia de manipulación manual de cargas, exercicios de quentamento muscular a realizar antes de comezar a xornada…). Neste   caso   é   imprescindible  ter   en   conta  as   características diferenciais de necesidades e capacidade de aprendizaxe deste tipo de traballadores/as nos plans de formación e información (non só de PRL) das empresas. Por exemplo, ter en conta unha modalidade de impartición da formación adapta a estas persoas, así como no tipo de contidos, estrutura, a súa complexidade, etc.

Da avaliación de riscos extráese información relevante para o colectivo, ao que se deberá manter informado acerca dos resultados, tendo en conta a obrigación legal de informar. Ademais, do cumprimento normativo, esta información é necesaria para, no seu caso, as adaptacións que se deberán acometer nos  seus  postos, ademais de posibles revisións conxuntas de solucións aos problemas preventivos. O coñecemento acumulado polos traballadores/as de máis idade debería ser incorporado tamén aos plans de formación.

Tamén sería interesante a creación de grupos de traballo heteroxéneos de novos traballadores/as e persoas traballadoras veteranas, para que haxa unha retroalimentación formativa.


R  EQUIPOS POSTOS A DISPOSIOCIÓN DESTES PROFESIONAIS

O empresario/a deberá proporcionar aos traballadores/as os EPI adecuados para o desempeño das súas funcións (no art. 17 da LPRL, no RD 773/1997 e no RD 1407/1992 establécense as condicións mínimas de seguridade e comercialización para o emprego destes equipos).

Relacionado co emprego de equipos de protección, as propostas a levar a cabo serán as seguintes:

ü  Identificar se é preciso o emprego de EPI adicionais para os traballadores/as de maior idade.

ü  Elaborar unha relación de EPI adecuados aos traballadores/as tendo en conta o factor idade.

Por outra banda, deberíase actualizar e/ou adaptar os equipos e maquinaria de traballo que o precisen. Trátase dun sector que depende moito do material de traballo e este debe estar en óptimas condicións.

“Todas as empresas que están facendo actualización de maquinaria, indirectamente inciden positivamente sobre a ergonomía, vibracións, ruído e o factor idade...xa que o confort que ten unha máquina nova non o ten unha máquina vella”.

(persoas expertas entrevistada)


R  CONTROIS PERIÓDICOS

Poderán establecerse controis periódicos para detectar cambios nas condicións de traballo ou situacións perigosas para as persoas traballadoras.

Relacionado con estas accións de control sobre as condicións de traballo, as propostas a levar a cabo serán as seguintes:

ü  Identificar os postos de traballo con traballadores/as de máis idade.

ü  Establecer unha listaxe para a realización dos controis periódicos nos postos de traballo.


R  VIXILANCIA DA SAÚDE

O empresario/a deberá garantir unha adecuada vixilancia da saúde dos traballadores/as en función dos riscos inherentes ao seu traballo[1], co fin da detección precoz de calquera efecto nocivo, así como da prevención de patoloxías ou riscos de enfermidade crónica, para o que se elaborará e actualizará unha historia clínico-laboral dos empregados/as.

No caso das persoas traballadoras de máis de 55 anos a realización dun recoñecemento médico laboral tendo en conta o factor de idade é fundamental e deberían ser considerados como persoas traballadoras especialmente sensibles a determinadas condicións de traballo, facendo unha interpretación ampla do art. 25.1 LPRL, equilibrada polo variabilidade persoal do factor da idade. A súa susceptibilidade aos riscos laborais como consecuencia das súas características persoais e estado de saúde, ou ben é detectada na avaliación de riscos ou a comunican ele/as directamente, ou senón fai necesario detectala nos exames médicos.

Este recoñecemento poderase realizar cando o traballador/a preste o seu consentimento, agás nos supostos nos que, previo informe dos representantes das persoas traballadoras, sexa imprescindible para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde do persoal ou para verificar se o seu estado de saúde pode constituír un perigo para si mesmo/as, sobre as demais persoas traballadoras ou para outras persoas relacionadas coa empresa ou cando así estea establecido nunha disposición legal en relación coa protección de riscos específicos e actividades de especial perigo.

As propostas para a vixilancia da saúde son as seguintes:

ü  Realización dunha vixilancia máis específica para os traballadores/as de maior idade en relación aos factores de risco.

ü  Avaliación dos factores de risco en relación á idade en cada posto de traballo.

O factor idade debería estar incorporado no programa de vixilancia da saúde, cos necesarios protocolos específicos no seu caso, que busquen a detección precoz de danos na saúde relacionadas coa maior idade e o traballo desempeñado, sobre todo a nivel histórico.

A medicina do traballo podería elaborar programas de mellora da saúde nestes traballadores/as, nos tres niveis de prevención: primario, secundario e terciario. Nos casos de programas de saúde do Sistema Nacional de Saúde, como as campañas de vacinación, poderíase colaborar e incluso potencialos dentro da empresa.

As baixas laborais por enfermidades dos traballadores/as maiores deberían analizarse para o estudo de posibles relacións causais con determinadas condicións laborais, xa que estas poden afectar en maior medida a persoas traballadoras con certas limitacións físicas, mentais ou sensoriais ou con enfermidades crónicas, máis frecuentes neste colectivo.

É necesario lembrar que o incremento da idade afecta ás persoas de forma moi variable.


R  SINISTRALIDADE LABORAL. MÁIS MEDIDAS PREVENTIVAS CORRECTORAS APLICADAS

Cando se produzan danos na saúde das persoas traballadoras, o empresario/a realizará a correspondente investigación do suceso (art. 16.3 da LPRL).

As recomendacións para a análise dos datos de sinistralidade laboral baséanse en verificar se no informe de investigación tense en conta o factor de idade e en particular, a situación coñecida do estado de saúde do traballador/a.


6.3.       BOAS PRÁCTICAS

En relación ás boas prácticas como impulso para a xestión da PRL tendo en conta ás persoas traballadoras de maior idade e o seu envellecemento activo, establécense a continuación varias liñas de traballo básicas[2].





ü  Propostas de boas prácticas en condicións xerais

ü  Propostas de boas prácticas nos postos de traballo

ü  Propostas de boas prácticas en formación de PRL 

 

ü  Propostas de boas prácticas en organización do traballo

 

Os/as expertos/as tamén inciden na necesidade de levar a cabo campañas de concienciación de hábitos saudables na alimentación e vida activa das persoas traballadoras. Isto axudará a mellorar as condicións de envellecemento das persoas e repercutirá directamente nos seus traballos.

 



7.    CONCLUSIÓNS

A xestión da prevención de riscos laborais tendo en conta o factor idade, con especial atención ás persoas traballadoras de máis de 55 anos, debe ser unha prioridade para o tecido empresarial do sector da 1ª Transformación da madeira.

Aínda que os cambios que se producen coa idade poden variar moito dunha persoa a outra, en xeral nestes traballadores/as redúcense as súas capacidades ou condicións físicas (perda de forza, masa muscular e flexibilidade, dificultade de movementos e para adoptar posturas, maior rixidez e fraxilidade ósea,…), sensoriais (perda de vista, oído, cambios no equilibrio) e cognitivas (diminución da axilidade mental e do procesamento da información) e repercute en determinados aspectos psicolóxicos (estado de ánimo, xestión da ansiedade, falta de confianza…). Tamén aumenta a incidencia de enfermidades crónicas ou outras patoloxías. Todo isto pode influír na súa exposición aos riscos derivados do traballo e que poidan producirse accidentes ou enfermidades profesionais. Ademais, os hábitos adquiridos co paso dos anos poden incrementar a probabilidade de sufrir un accidente, pois poden cometerse imprudencias.

A idade da persoa traballadora condiciona, por exemplo, a súa capacidade de adoptar neste tipo de actividades posturas extremas no posto, realizar repeticións, aplicar forzas ou posturas de pé, o que favorece a aparición de lesións ou patoloxías osteomusculares, así como para efectuar quendas de traballo ou adaptarse aos cambios ou novas tecnoloxías, afectando na aparición de trastornos psicosociais.

Pero tamén hai que ter en conta que este colectivo aporta atributos positivos á empresa, adquiridos pola experiencia e acumulación de coñecementos técnicos que os converte en activos a ter en conta.

A pesar dos motivos que xustifican a integración do factor idade na xestión da PRL, para deste modo mellorar as condicións de traballo de todas as persoas traballadoras e evitar as desigualdades por idade na saúde laboral, en xeral no sector non se ten en conta a idade na avaliación dos riscos laborais nos postos de traballo e tampouco realízase a avaliación dos riscos ergonómicos, con importante incidencia neste sector, nin dos riscos psicosociais.

As principais limitacións para esta integración están na insuficiente concienciación no sector sobre a importancia de considerar este factor na xestión da PRL, o tamaño das empresas (é un sector atomizado) e o escaso volume de investigacións e estudos en materia de PRL que permitan acadar maior información sobre a incidencia dos riscos laborais sobre as persoas de máis de 55 anos.

Tamén a falta de desenvolvemento regulamentario sobre este aspecto, máis alá do que recolle a LPRL no seu art. 25 sobre a protección dos traballadores/as especialmente sensibles a determinados riscos, non axuda neste obxectivo.

Estamos ante un persoal moi cualificado e valorado polas empresas, no que é preciso tomar medidas específicas na PRL (adaptación de certos postos de traballo, evitar certas tarefas, maiores descansos, menores esforzos ou proteccións específicas forman parte do grupo de medidas a ter en conta neste colectivo).

As recomendacións propostas no estudo para integrar o factor idade na xestión da PRL céntranse nos seguintes aspectos:

·         Política de Seguridade e Saúde Laboral na empresa. Cultura preventiva.

·         Avaliación de riscos no traballo e planificación da actividade preventiva (información e formación en PRL, medidas preventivas).

·         Equipos postos a disposición destes profesionais (EPI, equipos e maquinaria de traballo).

·         Controis periódicos.

·         Vixilancia da saúde.

·         Sinistralidade laboral. Medidas preventivas correctoras.

 

 

8.    BIBLIOGRAFÍA

·       Actividades económicas con mayor siniestralidad, penosidad, y peligrosidad: SECTOR DE LA MADERA. INSST (2010).

·       Beltone (2017). La pérdida auditiva y la edad. Dispoñible en:  http://blog.beltone.es/a-que-edad-comienza-la-perdida-auditiva-y-cuales-son-los-sintomas/#:~:text=Entre%20los%2030%20y%20los,se%20enfrenta%20a%20este%20problema

·       Demers, P.; Teschke, K. (s.d.). Industria de la madera. Enciclopedia de salud y seguridad en el trabajo.

·       Estrategia de enfermedades reumáticas y musculoesqueléticas del Sistema Nacional de Salud. Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad (2013).

·       Fraiz, J. A., del Río, M. D. L. C.; González, M. E. A. (2002). El sector de fabricación gallego de muebles de madera para el hogar: situación actual y perspectivas. En Novos escenarios para a economía galega: Actas do II Congreso de Economía de Galicia (pp. 611-625).

·       Guía para la gestión y evaluación de los riesgos ergonómicos y psicosociales en el sector hotelero. INSST (2019).

·       Informe Mundial sobre o envellecemento e a saúde. OMS (2015). Dispoñible en:  https://www.who.int/ageing/publications/world-report-2015/es/

·       Mapa de risco ergonómico de Galicia. ISSGA (2016).

·       Medidas preventivas para empresas con trabajadores mayores de 55 años. Ministerio de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social (2018).

·       Nota descritiva Nº 404. OMS (2015). Dispoñible en: http://www.fgcsic.es/lychnos/es_es/articulos/envejecimiento_poblacion

·       NTP 348: Envellecemento e traballo: a visión. INSST. Dispoñible en: https://www.insst.es/documents/94886/326827/ntp_348.pdf/6a97206d-81fd-492a-8535-6a71a0da3c2b

·       NTP 366: Envellecemento e traballo: audición e motricidade. INSST. Dispoñible en: https://www.insst.es/documents/94886/326827/ntp_366.pdf/3ef8f1f2-9809-4229-b66c-a0d9098bcf8e

·       NTP 367: Envellecemento e traballo: a xestión da idade. INSST. Dispoñible en: https://www.insst.es/documents/94886/326827/ntp_367.pdf/f8b70a34-71ab-485d-ac08-a611e362816e

·       NTP 416: Actitudes fronte o cambio en traballadores de idade avanzada. INSST. Dispoñible en:

https://www.insst.es/documents/94886/326962/ntp_416.pdf/7293ac82-ec82-4a43-92be-49a09fb27bf7

·       NTP 443: Factores psicosociais: metodoloxía e avaliación. INSST. Dispoñible en: https://www.insst.es/documents/94886/326962/ntp_443.pdf/35f6978d-1338-43c3-ace4-e81dd39c11f0

·       Observatorio Industrial de la Madera. Análisis y evaluación de los riesgos medioambientales y de la salud en la manipulación y transformación. FECOMA (s.d.).

·       Prevención de trastornos musculoesqueléticos en el lugar de trabajo. OMS (2014).

·       Repercusión no sector industrial do envellecemento da poboación traballadora na xestión da PRL: impulso do envellecemento activo e outras medidas preventivas.  CEG (2016).

·       Riesgos psicosociales en conductores mayores de 55 años. Criterios de mejora y hábitos saludables. FeSMC (2019).

·       What is Ergonomics? . International Ergonomics Association (2018). Dispoñible en: www.iea.cc/whats/index.html

·       Work-related musculoskeletal disorders: prevention report. Publications Office of the European Union, Luxembourg. Agencia Europea para la Seguridad y la Salud en el Trabajo (2008).

Páxinas web:

·       Instituto Nacional de Estadística (INE)

www.ine.es

·       Instituto Galego de Estatística (IGE)

www.ige.eu

·       Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST)

www.insst.es  

·       Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

www.issga.xunta.gal  

·       Organización Mundial da Saúde (OMS)

www.oms.es

 



[1] No artigo 22 da LPRL recóllense as obrigas de empresarios/as en materia de vixilancia de saúde dos seus traballadores/as, mentres que no RD 843/2011 establécense os criterios básicos sobre a organización de recursos na actividade sanitaria dos servizos de prevención.

[2] “Repercusión no sector industrial do envellecemento da poboación traballadora na xestión da PRL: impulso do envellecemento activo e outras medidas preventivas”. CEG (2016).